Saturday 27 de April de 2024

Alumnado do IES da Pobra participa en talleres sobre a detección de condutas adictivas sen substancia


Froito da colaboración entre a Concellaría dos Servizos Sociais e o IES da Pobra do Caramiñal, neste ano dáselle continuidade ao proxecto para a prevención de condutas adictivas no ámbito escolar. Trátase dun programa que xorde das xuntanzas mantidas entre ámbalas partes implicadas e que se centra nas novas tecnoloxías. Nesta ocasión, a acción está dirixida ao alumnado das catro aulas de 1.° da ESO do mencionado instituto, ao longo de dúas xornadas desta semana, co equipo psicolóxico formado por Juan Carlos Permuy Bermúdez e Carla Duch, quen, xunto con Belén Montesa Lou, impartirán tamén no 7 de abril, a partir das 19.00 horas, un obradoiro sobre o mal uso dos dispositivos móbiles destinado ás familias e estudantado do curso anteriormente indicado. Será no salón de usos múltiples do centro educativo e resulta preciso confirma-la asistencia a través da aplicación abalarMóbil.

A concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), xunto co director do IES, Alejandro Bobillo, e a xefa de estudos, Milagres Romero, manifestou que con estes obradoiros se busca previr e palia-las consecuencias negativas “no ámbito académico e tamén no desenvolvemento cognitivo e persoal” do mal uso e abuso das novas tecnoloxías e ofrecerlle á rapazada unha nova perspectiva sobre elas, aspecto que tamén se traballará cos pais e nais no día 7. A edil engadiu que estas accións “son importantísimas e están dando moi bo resultado.”

Doutra banda, o director apuntou que os talleres están sendo “todo un éxito”, onde se explica un emprego adecuado das vías telemáticas, condutas que non se poden tolerar e como xestionar determinado contido. Preténdese, polo tanto, “ir un pouco máis alá do que podemos facer na nosa práctica diaria.”